
Galicia[1] ou Galiza[2] é unha nación[3] establecida xurídica e administrativamente como Comunidade Autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" segundo a Constitución española e o seu Estatuto de Autonomía (ver Estatuto de Galicia) dentro do Reino de España. Está situada no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, con Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico e, ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua propia o galego, similar e de orixe común co portugués, e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en todo o estado español.
A consideración de Galicia como nación e unha procura constante dun maior grao de autogoberno son defendidas por un número significativo de cidadáns. As tendencias nacionalistas, e mesmo as non-nacionalistas, en Galicia son, na súa meirande parte, de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois ou peninsulares. Ademais, tamén existen grupos independentistas.
Galicia posúe uns 2,77 millóns de habitantes (2007), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña.





